O programa, que se desenvolve no monte Alba, céntrase en labores de acondicionamento da contorna da Ermida, espazos recreativos e na eliminación de especies exóticas invasoras. Tamén inclúe unha demostración práctica de vixilancia preventiva de incendios.
Esta iniciativa, que complementa os obradoiros duais de emprego, conta cunha colaboración público-privada para adaptar a formación ás necesidades do territorio. A Xunta achega 364.500 euros para un programa de nove meses dirixido a 15 persoas desempregadas.
Os participantes recibirán preto de 400 horas de formación mentres realizan traballos efectivos en prevención de incendios e recuperación de terreos afectados por lumes nos montes periurbanos de Vigo.
A directora xeral salientou que o proxecto mellora as oportunidades de inserción laboral e responde ás necesidades específicas de cada contorna mediante propostas formativas adaptadas.




