A Xunta de Galicia ofrece ao Concello de Vigo a cesión a título gratuíto do inmoble da antiga estación de autobuses, situado na avenida de Madrid da cidade. Segundo o PXOM, a zona onde se atopa o edificio ten como únicos usos posibles os de zona verde e viarios.
Nunha carta remitida polo director do Patrimonio, José María Barreiro, ao Concello, o Goberno galego ábrese a tramitar o expediente de cesión "nas condicións actuais", incluíndo a parcela e os seus accesos. O Concello de Vigo tiña solicitado a reversión do ben, pero a Xunta considera imposible o uso desa figura xurídica polas "circunstancias da adquisición dos terreos".
Tras analizar as distintas alternativas de uso, a Administración autonómica considera que a cesión é a mellor opción para amparar a utilización dos terreos polo Concello. Por iso, a Xunta insta o goberno municipal a facer unha petición formal nos termos indicados para poder iniciar o expediente e formalizar a resolución.




