O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, ratificaron o acordo autorizado polo Consello da Xunta este luns. O investimento total ascende a preto de 4,4 millóns de euros, dos cales o Goberno galego aporta o 71,4% (3.105.000€) e a UVigo o 28,6% (1.242.000€).
No campus de Pontevedra, o convenio destina 240.000€ á elaboración do plan director e á licitación do proxecto dun novo edificio para Belas Artes e Deseño. Tamén se reservan 45.000€ para a redacción e licitación do proxecto de ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, co fin de incrementar a capacidade dos seus espazos docentes e de investigación.
No campus de Ourense, inclúese a última partida para a construción do novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coñecido como o Camaleón, por un importe de 2.544.000€. Este edificio terá unha superficie de case 6.400 metros cadrados e contará con 18 laboratorios, oito aulas despachos, zona de dirección, seis seminarios e unha nave taller.
No campus de Vigo, o acordo contempla a instalación xeotérmica na Facultade de Filoloxía e Tradución, cun orzamento de 1.202.000€, que substituirá as actuais caldeiras de gas natural para reducir as emisións de CO₂. Así mesmo, inclúese a redacción e licitación da reforma e reestruturación da Escola de Enxeñaría Industrial, cun montante de 315.000€, para renovar as instalacións en canto a seguridade e eficiencia enerxética.




