O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu na casa consistorial aos 11 participantes do Campo de Voluntariado “Sendeiros do Louro” no seu primeiro día. O rexedor tamén se desprazou ata a contorna do río para coñecer de preto as tarefas de rexeneración ambiental que levarán a cabo durante doce días.
Os voluntarios, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, proceden de diversas comunidades autónomas do estado e colaboran na conservación e posta en valor da ribeira do Louro. As súas accións céntranse na eliminación de especies exóticas invasoras, a protección da vexetación autóctona, a limpeza de residuos e a sensibilización ambiental.
“"O río Louro é un dos nosos bens naturais máis prezados. Con este campo de voluntariado, ‘Sendeiros do Louro’, non só melloramos e protexemos a ribeira e a vexetación autóctona, senón que tamén sensibilizamos sobre a necesidade de manter vivos e limpos os nosos ecosistemas fluviais."
O proxecto, impulsado polo Concello do Porriño a través da Concellería de Voluntariado, conta coa colaboración das áreas de Cultura, Educación e Deportes, así como da OMIX. A iniciativa foi deseñada pola cooperativa Avada, encargada da coordinación e execución, e conta co apoio técnico da asociación ecoloxista Verdegaia.
Durante a súa estancia, os participantes conviven nas instalacións do CEIP Ribeira de Torneiros. Polas mañás realizan as tarefas ambientais e polas tardes participan nun programa de lecer educativo, excursións e dinámicas de convivencia organizadas por Avada, promovendo valores de cooperación e respecto polo patrimonio natural e cultural galego.
Esta actividade forma parte da Campaña de Verán 2026 da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, baixo o lema “Modo Verán Activo”, que ofrece máis de 11.900 prazas para a mocidade en toda Galicia.




