O evento, que ocupará máis de 8.000 metros cadrados no pavillón 3, presenta unha proposta transversal que combina a vertente comercial coa divulgación dun estilo de vida baseado na liberdade e a sostibilidade. Os visitantes poderán explorar unha ampla oferta que inclúe desde autocaravanas e campers ata vehículos 4x4, ademais de accesorios e servizos especializados.
A organización confirmou a presenza de máis de 400 vehículos en rotación, con condicións especiais de venda para os asistentes. Ademais da exposición, o salón habilitará unha zona de aparcamento exclusiva para que os caravanistas poidan pernoctar nas instalacións, fomentando así a creación dunha comunidade de viaxeiros durante os catro días que dura a cita.
A programación complétase con charlas informativas e unha área gastronómica, contando coa colaboración de diversas asociacións do sector, entre as que destaca a Asociación Galega de Autocaravanas. O acceso ao recinto terá un custo de 6 euros por día, cun abono especial de 15 euros para a totalidade da feira.




