O programa, que arrinca na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, busca mellorar as baixas cifras de acceso á educación superior deste colectivo, xa que só arredor do 3% dos mozos e mozas que saen do sistema de protección de menores da Xunta conseguen realizar estudos posobrigatorios como os universitarios.
Pias nace como "unha ferramenta de cooperación entre a Universidade e as organizacións e institucións que interveñen na protección da adolescencia", segundo explicou a reitora, Carmen García Mateo, quen destacou que a universidade pública "debe seguir sendo un dos grandes ascensores sociais da nosa sociedade" e que "non abonda con manter abertas as portas da universidade, debemos procurar que todas as persoas teñan a posibilidade real de acceder a ela".
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey, subliñou a importancia da colaboración interinstitucional e sinalou que hai uns 2500 menores en Galicia no sistema de protección, cualificando de "heroes e heroínas" aos que chegan á vida universitaria. O programa busca facilitarlles o camiño, cun impacto cualitativo no colectivo vulnerable.
A decana da Facultade de Educación e Traballo Social, Isabel Mociño, e a directora da Unidade de Diversidade da UVigo, Raquel Rey, sumáronse á satisfacción polo programa, que busca "rachar as fronteiras da exclusión" e "garantir os apoios necesarios para que a desigualdade de partida non condicione o futuro".
Deibe Fernández Simo, profesor responsable do programa, detallou as catro liñas de actuación: actuacións individualizadas de información e acompañamento, apoio e orientación para o acceso a bolsas e axudas, medidas de apoio residencial nas residencias universitarias, e organización de actividades formativas e de sensibilización para o persoal da universidade e profesionais do sistema de protección.




