A profesora do Departamento de Lingua Española Rosa Pérez Rodríguez é a nova decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A súa candidatura, a única que concorría aos comicios celebrados este mércores, obtivo 50 votos a favor, sete en contra, oito en branco e un nulo. Participaron na votación 66 das 92 persoas convocadas (71,7% de participación).
Pérez Rodríguez, que xa ocupou o decanato entre 2009 e 2016, toma o relevo de José Montero Reguera. O seu novo equipo está integrado por Liliana Valado Fernández (Tradución e Lingüística), Valentina Marta Rodríguez (Calidade), María Platas Alonso (Estudantes e Vida Universitaria), José Carregal Romero (Internacional) e Rocío Hernández Arias (Organización Académica).
Con 34 anos de traxectoria na facultade, a nova decana destacou a experiencia e a ilusión do seu equipo. Agradeceu o traballo do equipo decanal saínte e sinalou a reforma do Grao en Tradución e Interpretación como un dos principais retos a afrontar "o antes posible".
Para o próximo curso, a facultade tamén deberá implantar modificacións nos graos en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), que inclúe a modalidade virtual, e en Linguas Estranxeiras (LE), que incorporará docencia virtual nas materias compartidas con FAGE e o proceso de extinción do plan anterior.
Outro dos asuntos a abordar é a posible posta en marcha dun mestrado internacional, iniciativa aprobada na última Xunta de Facultade. Pérez Rodríguez tamén sinalou a caída da matrícula como unha preocupación, e comprometeuse a dar continuidade aos esforzos para captar alumnado, mellorando a utilidade e o valor social dos estudos humanísticos.
Finalmente, a decana referiuse ao desafío que supón a Intelixencia Artificial para as universidades, un asunto transversal que se suma aos retos académicos e organizativos do seu mandato.




