A Universidade de Vigo, xunto coas de A Coruña e Santiago de Compostela, deu un paso máis na descentralización do Grao en Medicina coa constitución da Unidade Docente do Chuvi (Complexo Hospitalario Universitario de Vigo). Este novo órgano acollerá todo o profesorado que imparta docencia descentralizada e foi coordinado pola doutora Ana Concheiro Guisán, xefa do Servizo de Pediatría do Chuvi.
A creación da Unidade Docente, que se recolle na cláusula sexta do Convenio para a descentralización asinado en xaneiro deste ano, inclúe o profesorado con praza vinculada e asociado de Ciencias da Saúde (PACS) pertencente á USC e á UVigo vinculado ao hospital, así como o resto de profesorado da UVigo con docencia nas materias que se impartan e o estudantado delegado de curso.
A vicerreitora de Oferta Académica da UVigo, Esther Pillado González, cualificou a constitución da Unidade como “un paso relevante do proceso de descentralización que dá cumprimento ao contido do convenio”. Destacou que favorece a formación dos futuros médicos e ofrece aos profesionais do Chuvi a oportunidade de acceder a prazas vinculadas á universidade.
A Unidade encargarase da organización da docencia teórica e práctica, garantindo a equivalencia de criterios de ensino e avaliación coa coordinación da materia da USC. Tamén coordinará a elaboración do Plan de Organización Docente (POD), a proposta de novas prazas de profesorado e colaborará nos procesos de avaliación de calidade.
“"Ana Concheiro é unha coordinadora con absolutas garantías e que coñece ben o traballo que ten que facer. É a persoa idónea para seguir avanzando neste proceso."
A coordinadora velará polo correcto exercicio das funcións da unidade, a igualdade de condicións do profesorado e participará nos órganos de goberno da Facultade de Medicina e Odontoloxía e dos departamentos das universidades locais cando sexan relevantes para a unidade.
A descentralización da docencia práctica de 5º e toda a de 6º xa se realizou neste curso 2026/2027. Para o 2027/2028 descentralizarase toda a docencia de 5º e 6º, ampliándose a 4º no seguinte curso, e prevese a realización de novas propostas antes de que venza o convenio.




