O contrato, dividido en sete lotes, céntrase na urbanización de solo para a construción de vivendas, das que o 80% serán protexidas e o 20% restante libres. O obxectivo é que as obras de urbanización se poidan licitar en 2027.
As ofertas recibidas varían segundo o lote. Para o desenvolvemento do PIA de Santiago en Mallou (3.609 vivendas), presentáronse 4 ofertas. A Coruña (SUD Monte Mero, 4.397 vivendas) tamén rexistrou 4 ofertas. Arteixo (A Baiuca – A Penouqueira, 160 vivendas) e Ourense (SU1 Escorial-Vinteún, 1.435 vivendas) recibiron 3 ofertas cada unha.
Dúas ofertas presentáronse para o PIA de Lugo (SR-5 Sagrado Corazón, 1.265 vivendas) e para o de Vigo (SUB 405 Ofimático, 2.000 vivendas). No caso de Pontevedra (SB2-Fase II e SB5 San Mauro, 2.010 vivendas), recibiuse unha única oferta.
En total, estes sete PIAs aloxarán 14.876 vivendas. A Xunta tamén está a traballar noutros seis proxectos en Vigo, Vilagarcía de Arousa, Marín, O Porriño, Ribadeo e Cangas, como parte da Estratexia Galega de Solo Residencial, que prevé a construción de 25.000 vivendas en total.
A administración autonómica destaca o uso dos Proxectos de Interese Autonómico como figura para axilizar prazos na construción de vivendas, especialmente as protexidas, e xa ten en marcha 13 PIA en 12 concellos.




