Esta iniciativa enmárcase no proxecto Consagmar, financiado pola Cooperación Galega e liderado por ANFACO-CYTMA, co obxectivo de contribuír á soberanía alimentaria peruana mediante a mellora dos mecanismos de control e vixilancia dos recursos hidrobiolóxicos e o fortalecemento das capacidades técnicas e de gobernanza dos fiscalizadores peruanos e das administracións locais de Sechura.
Durante a súa estancia, os cinco técnicos da Autoridad Nacional de Sanidad e Inocuidad en Pesca y Acuicultura de Perú (SANIPES) coñecerán a estrutura, competencias e medios operativos do Servizo de Gardacostas de Galicia, da man do Subdirector xeral deste servizo, Juan Carlos Codesido.
Tamén terán a oportunidade de afondar na normativa sanitaria aplicable aos produtos pesqueiros e nos requisitos para a autorización e rexistro de establecementos alimentarios, co apoio do xefe de servizo de Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade, Jose Ángel Viñuela.
A formación complétase con visitas prácticas a empresas, lonxas e mercados de abastos do sector pesqueiro e acuícola galego, para coñecer de primeira man as actividades de control e trazabilidade en toda a cadea alimentaria.
Ademais, os técnicos visitarán o porto pesqueiro da Autoridade Portuaria de Vigo para coñecer o funcionamento do Punto de Control Fronteirizo, encargado de inspeccionar mercancías de terceiros países e garantir o cumprimento da normativa sanitaria da Unión Europea.
No último día, o grupo visitará as instalacións e laboratorios de ANFACO-CYTMA en Vigo, institución que lidera o proxecto Consagmar, coa consultoría especializada do CETMAR.
O persoal do CETMAR, responsable da organización da axenda, acompañará aos técnicos peruanos durante toda a súa estancia, que comezará cunha recepción na sede da fundación galega en Vigo pola directora-xerente, Rosa Chapela.




