Na visita participaron representantes da Universidade de Twente (Países Baixos), da Rexión de Västerbotten (Suecia), da Rexión de Emilia-Romaña (Italia) e do Hospital Santa Eduvixes de Silesia de Trzebnica (Polonia). O Proxecto HÉRCULES, liderado pola ACIS no marco do programa Interreg Europe, busca fomentar un envellecemento activo e saudable da poboación.
Durante dúas xornadas, os participantes coñeceron iniciativas galegas sobre compra pública de innovación, investigación biomédica, transformación dixital e incorporación de novas solucións tecnolóxicas. A primeira xornada centrouse no ecosistema galego de innovación e nas experiencias de compra pública innovadora no ámbito sanitario, con presentacións de Ángel Casas (Axencia Galega de Innovación) e Iván Rarís (Clúster Saúde de Galicia).
José María Romero, director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, explicou o papel da compra pública de innovación, destacando as consultas preliminares ao mercado. Alicia Piñeiro (Sergas) presentou a iniciativa UNI-VEC como exemplo de asociación para a innovación sanitaria.
A delegación tamén visitou o Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde coñeceu iniciativas de innovación aplicadas á atención ao paciente. Daniel Simón (coordinador do Nodo de Innovación Sanitaria de Vigo), o doutor Carlos Martín (Cirurxía Ortopédica) e o doutor Alberto Fernández (Pneumoloxía) participaron na sesión técnica.
Irene Illescas presentou o Living Lab de Saúde de Vigo e os seus proxectos. No Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, a súa directora, Eva Poveda, explicou a actividade investigadora do centro. Tamén se presentou o modelo de hospitalización a domicilio e a doutora María Dóniz detallou a experiencia dunha unidade pediátrica pioneira en videoconsultas e o proxecto VidaPed.




