A vila de Redondela acolleu onte o XXVII Festival de Artistas de Rúa, un evento que congregou a milleiros de persoas, entre veciñanza e visitantes, consolidando o festival como un dos grandes fitos do verán e un referente cultural.
A programación comezou na Alameda Castelao co espazo de xogos O fogar de Breogán, a cargo de Bico de Toupa, que atraeu a numerosas familias. Posteriormente, a compañía redondelá Tanxarina presentou o seu espectáculo Titiricircus na rúa Salgueiral.
O dinamismo continuou co pasarrúas O Minúsculo, que presentou unha marioneta xigante de cinco metros, e o espectáculo Quimera da compañía Pablo Méndez Performances, con acrobacias, mitoloxía e luces.
“"Ver as nosas prazas e rúas ateigadas de xente, con familias enteiras gozando do talento de compañías de primeiro nivel, confirma que Redondela é un referente cultural indispensable. Esta aposta pola cultura na rúa, gratuíta e accesible, devolve á cidadanía o protagonismo do espazo público a través da arte e a ilusión."
A noite estivo marcada pola música e o ilusionismo. Na pista da Xunqueira, o artista urbano Eleg1do ofreceu un concerto que fixo bailar ao público máis novo. O espectáculo Acero 2.0 do Mago Orbit puxo o broche de ouro na praza da Torre, cun show de maxia de alto impacto.
O goberno local destaca o acerto de apostar por formatos de rúa gratuítos e de calidade. Paralelamente, a celebración do Shopping Night, iniciativa do comercio local, tamén foi cualificada de éxito rotundo, con gran volume de vendas e animación nas rúas comerciais.




