O Concello de Redondela, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, impulsa un programa formativo en Lingua de Signos co fin de construír un municipio máis accesible e cohesionado. A iniciativa busca eliminar as barreiras comunicativas e fomentar a inclusión real.
A formación está aberta á cidadanía maior de 18 anos e tamén se impartirá ao persoal municipal. A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia de que a administración sexa a primeira en avanzar cara a unha accesibilidade total, afirmando que "A nosa prioridade é avanzar cara a unha administración 100% accesible, onde calquera veciño ou veciña poida ser atendido con dignidade e sen atrancos comunicativos; formar ao noso persoal é un acto de xustiza social e eficacia pública".
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinalou o impacto da formación para a poboación: "Queremos dotar á veciñanza de ferramentas que fomenten a empatía e a igualdade no día a día, garantindo unha convivencia integradora onde ninguén quede á marxe".
O curso para a cidadanía constará de 30 horas lectivas e impartirase no Multiúsos da Xunqueira os mércores e venres de 17:00 a 19:30 horas, comezando o 4 de setembro. O prazo de preinscrición será do 7 ao 19 de agosto, a través do Rexistro Xeral ou da Sede Electrónica. O custo subvencionado é de 50 euros.
Como novidade, o Concello tamén ofrece unha formación específica de 10 horas para o persoal municipal, co obxectivo de dotar aos traballadores de ferramentas para facer da administración local un espazo de inclusión real.




