A festa histórica combinou recreación, deporte e comedia, atraendo a numerosos veciños e visitantes caracterizados de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos. A compañía Troula Animación puxo o broche de ouro co espectáculo SubUmbra na Praza Arquitecto Antonio Palacios.
Tras a actuación, celebrouse o acto simbólico de Entrega do bastón de mando. O Rei Castrexo, interpretado polo actor Pepo Suevos, devolveu o poder ao alcalde, Alejandro Lorenzo, quen fora "destronado" o sábado para dar paso ao espírito olímpico e festivo.
As Probas Olímpicas, eixo central do evento, acadaron un récord de participacións este ano, tanto nas probas de adultos como no Gladiator Kids para o público infantil. As diferentes delegacións mediron forzas en probas de habilidade e resistencia na Praza do Cristo e na rúa Ramón González.
Os creadores de contido Sergio e Daya, coñecidos como Galidrone, foron os pregoeiros desta edición. Xa publicaron nas súas redes sociais un reel resumo cos mellores momentos da festa, que achega as imaxes de O Porriño a unha comunidade de máis de 200.000 seguidores. No seu pregón, destacaron o orgullo de levar o nome da localidade por todo o mundo.
Durante o pregón, antes de dar inicio oficial aos X Xogos Olímpicos de Porrigalia, gravaron imaxes que xa suman milleiros de reproducións. O alcalde, Alejandro Lorenzo, deu paso á Charanga Caliqueños para interpretar o Himno de Galicia, celebrando así tamén o Día de Galicia na localidade.




