O Concello do Porriño está a aproveitar o período estival e o peche das instalacións durante o mes de agosto para acometer diversas obras de mantemento e mellora nas escolas infantís Galiñas Azuis de Torneiros e Doantes de Sangue, situada esta última no centro urbano. O obxectivo é que os traballos estean listos para o inicio do novo curso, evitando así calquera molestia á cativada e ao persoal educativo. Estas actuacións suman un investimento conxunto de 60.000 euros.
O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, xunto ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a concelleira de Coidados e Benestar, Bárbara Troncoso, e o concelleiro de Obras, Ramón Porto, visitou as obras. Lorenzo asegurou que "con este investimento en infraestruturas, o goberno local reafirma o seu compromiso coa calidade do ensino dende as etapas máis temperás, aproveitando as vacacións para poñer a punto os centros educativos", lembrando que este ano entrarán en funcionamento dúas novas escolas infantís municipais en Budiño e Pontellas.
O xerente do Consorcio agradeceu ao Concello a súa "implicación na educación de 0 a 3 porque tamén vai poñer en marcha esas dúas novas escolas infantís polo que O Porriño se converte nun dos concellos que máis traballa na conciliación das familias, fundamental tamén para seguir fixando poboación e que os veciños do Porriño teñan servizos públicos de calidade".
No centro de Doantes de Sangue, as tarefas centraranse en mellorar a hixiene e seguridade coa substitución do pavimento actual por un novo chan antideslizante nas zonas do comedor, a cociña e a despensa. Tamén se pintarán paredes e teitos dunha aula e colocarase unha mosquiteira na porta de acceso á cociña.
A escola infantil de Torneiros será obxecto dunha reforma de maior envergadura para solucionar problemas de humidade e mellorar a eficiencia enerxética. Os traballos incluirán a retirada da cuberta actual e a eliminación das fiestras para dar paso a un novo tellado a dúas augas, con novos canalóns e baixantes. No interior, lixarase e sanearanse partes do teito deterioradas por filtracións de auga e colocarase un novo falso teito con paneis acústicos. Renovarase a instalación eléctrica con 22 novos paneis de iluminación LED. Ademais, instalarase un sistema de climatización, cuxas obras se realizarán en 2027, antes de maio.
O Porriño contará ademais desde este setembro con dúas novas escolas infantís municipais en Pontellas e Budiño. A vindeira semana celebraranse xornadas de portas abertas. Ambas son escolas gratuítas, cos mesmos servizos que as Galiñas Azuis.
A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria, rehabilitada e ampliada para albergar cinco aulas, vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 m², nun solar de 4.321,98 m².
A escola infantil da parroquia de Budiño é de nova construción, levantada nun solar de 2.982,41 m² na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente.




