Esta iniciativa busca facilitar a participación das empresas do municipio nun dos principais escaparates internacionais do granito. A presentación tivo lugar na cantera de LR Natural Granite, en Atios, onde o alcalde, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia estratéxica de apoiar ao sector do granito, fundamental para a identidade económica e industrial de O Porriño.
O espazo expositivo proporcionará visibilidade ao tecido empresarial local e reforzará a posición de O Porriño como centro internacional de produción e transformación de granito. "O Porriño non se entende sen a súa pedra, e este stand gratuíto é unha ferramenta directa para que o noso tecido empresarial brille e siga crecendo no mellor escaparate posible", declarou Lorenzo.
Baixo o lema "O noso granito, orgullo e memoria", o stand combinará referencias á pedra local con obras emblemáticas do arquitecto Antonio Palacios e proxectos recentes executados con granito no municipio. Tamén se destacará a frase "Antonio Palacios escríbese en pedra", en sintonía co certame cultural celebrado recentemente.
Ademais da feira, O Porriño acollerá a Stone Gala, a cerimonia de entrega de premios do certame, o 18 de xuño nunha das súas canteiras. Este evento buscará reivindicar a pedra natural como material de futuro e con peso económico e industrial.




