Esta nova partida orzamentaria ten como obxectivo actualizar as zonas de xogo tanto no casco urbano como nas parroquias. As intervencións incluirán a substitución de pavimentos por superficies accesibles e amortecedoras, a reparación de estruturas deterioradas e a instalación de novos elementos recreativos e mobiliario para o descanso.
Entre as actuacións previstas destacan a colocación dunha tirolina e un muro de escalada no parque de Carracido, así como a renovación integral do parque de Mosteiro, onde se instalará un novo multixogo. Pola súa banda, o espazo de Sanguío contará con novos balancíns e tobogáns tras a adecuación do seu pavimento.
Paralelamente, as obras nos tres parques de Torneiros atópanse nun estado avanzado de execución. Estes traballos inclúen a creación dunha zona con céspede artificial e a construción dun estanque ornamental con iluminación LED subacuática, consolidando un plan municipal que supera os 350.000 euros de investimento total en infraestruturas infantís.




