O certame divídese en dúas categorías: Infantil, para menores de ata 15 anos, e Adultos, a partir dos 16. Tanto solistas como grupos poderán participar cunha actuación máxima de tres minutos. A organización encargarase de facilitar a instrumentación e o backline necesario para garantir a igualdade entre os participantes.
As probas en directo terán lugar na Praza 8 de Marzo. A semifinal está programada para o venres 3 de outubro ás 19:00 horas, mentres que a final celebrarase o sábado 4 de outubro a partir das 17:00 horas.
No apartado de premios, o gañador da categoría de adultos recibirá 1.000 euros e a produción dun tema propio valorada en 600 euros. O segundo e terceiro clasificado obterán 400 e 250 euros, respectivamente. Pola súa banda, os tres finalistas da modalidade infantil serán premiados con trofeos e material escolar.
O prazo para presentar as solicitudes remata o 27 de setembro ás 14:00 horas. As inscricións poden formalizarse presencialmente no Rexistro Xeral do Concello do Porriño ou a través da súa sede electrónica.




