Os traballos, que contan cunha achega de 20.000 euros, céntranse na zona oeste do xacemento. A intervención busca identificar estruturas detectadas en campañas anteriores e avanzar na posta en valor do urbanismo deste asentamento de época romana, datado entre os séculos II e V despois de Cristo.
A campaña terá unha duración de tres semanas, divididas entre as tarefas de escavación e as labores de consolidación e protección dos muros e solos. Ademais de estruturas pétreas, os técnicos esperan localizar restos cerámicos e metálicos, seguindo a liña de achados previos que inclúen producións locais e sigillatas hispánicas.
“"Non sabemos con certeza o que vai aparecer, pero hai un muro, unha estrutura de pedra o dobre de ancha que calquera outra descuberta e entendemos que vai seguir aparecendo."
O xacemento permanece aberto ao público durante a execución dos traballos. O Concello ten previsto organizar unha visita guiada a principios de outubro para explicar os resultados desta campaña e a súa relevancia no contexto histórico da comarca da Mariña.
Con esta ampliación, Zoñán consolídase como o castro con maior superficie escavada da contorna. Segundo os datos municipais, a extensión total estimada do xacemento alcanza as oito hectáreas, o que o sitúa entre os de maiores dimensións da zona.




