A experiencia piloto da lanzadeira autónoma e totalmente eléctrica desenvolvida polo CTAG e a Universidade de Vigo entra nunha nova fase tras superar as 2.000 quilómetros percorridos e máis de 550 traxectos. Esta iniciativa, que xa transportou a máis de 800 usuarios, busca validar tecnoloxías de condución autónoma e novos modelos de mobilidade conectada e sostible.
A nova etapa incorpora unha ampliación do traxecto orixinal para conectar máis puntos estratéxicos do campus de Lagoas-Marcosende, sumando novas paradas na Cidade Deportiva e na Facultade de Humanidades e Filoloxía. O obxectivo é achegar o servizo a máis usuarios e seguir obtendo datos sobre o funcionamento destas solucións de mobilidade intelixente nun contorno real.
O servizo, que comezou o pasado mes de febreiro, manterase gratuíto para toda a comunidade universitaria ata o vindeiro 10 de xullo. Ata o 5 de xuño operará de luns a venres entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas. A partir do 8 de xuño e ata o 10 de xullo, o horario será continuado entre as 08:30 e as 14:30 horas.
Ademais das novas incorporacións, a lanzadeira continuará realizando paradas en Citexvi, Facultade de Ciencias do Mar, Cintecx, Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Reitorado e Biblioteca Central. Os usuarios poden consultar en tempo real a localización do vehículo a través da plataforma habilitada polo CTAG.
O proxecto converte o campus vigués nun laboratorio para tecnoloxías de transporte autónomo e conectado, co obxectivo de axustar percorridos e operacións para definir un modelo de servizo adaptado ás necesidades reais de mobilidade. Este desenvolvemento enmárcase no impulso de solucións de mobilidade automatizada que buscan reducir emisións e mellorar a conectividade.




