O Concello do Porriño continúa co seu compromiso de mellorar as infraestruturas básicas, priorizando o saneamento integral. A iniciativa Caravana de Saneamento arrincou en Cans, co obxectivo de achegar a xestión municipal ás parroquias e ofrecer atención individualizada aos veciños. A próxima parada será este martes, 11 de agosto, en Mosende.
Este calendario de visitas busca garantir o acceso directo á información sobre os proxectos en cada zona. No primeiro encontro en Cans, coa participación do concelleiro de Saneamento, Marcos Martínez, explicáronse actuacións clave como os proxectos previstos nos Eidos e na Graña-Sequeiras.
“"Cada parroquia, cada veciño e veciña son prioridade. É importante non só ter o concello aberto á veciñanza, senón achegarse a ela con estas iniciativas."
A iniciativa destaca pola súa proximidade, resolvendo cuestións específicas do día a día. En Cans abordáronse plans de saneamento, xestións para enganches á rede, axudas para sistemas de bombeo e baleirado de fosas sépticas, permisos do Ministerio de Fomento, a reforma do lavadoiro, o novo carril bici, a instalación dun asador no parque do río e o proxecto da casa parroquial cedida ao Concello.
O goberno municipal manterá estas xuntanzas en horario de tarde ao longo das vindeiras semanas para cubrir todo o municipio. O calendario previsto inclúe visitas a Mosende (11 de agosto), Pontellas (18 de agosto), Atios (25 de agosto), Budiño (1 de setembro), Chenlo (8 de setembro) e Torneiros (15 de setembro).




