O CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, organiza este venres 2 de outubro a sétima edición da xornada Falemos de ciencia en igualdade. O evento, aberto ao público xeral, ten como obxectivo principal promover unha comunicación científica máis inclusiva e equitativa, á vez que se visibiliza o papel das mulleres na ciencia.
A iniciativa, enmarcada nas axudas da Unidade de Igualdade, busca transmitir valores igualitarios dentro da comunidade universitaria. A actividade desenvolverase na sala de formación do Espazo Incuvi e forma parte das accións impulsadas polo Comité de RRI, Igualdade e non discriminación do centro para sensibilizar sobre a importancia de incorporar a perspectiva de xénero na investigación, divulgación e transferencia de coñecemento.
Dende a súa creación en 2020, o proxecto Falemos de ciencia en igualdade ofrece formación transversal para reflexionar sobre as desigualdades no ecosistema científico e incorporar a dimensión de xénero no deseño de proxectos e accións de comunicación científica. Converteuse nun espazo de encontro para persoal investigador, estudantado e público interesado nunha ciencia máis diversa e responsable.
A programación deste ano abordará a cuestión da igualdade desde diferentes perspectivas. Tras a apertura institucional, Coral del Río, catedrática da Universidade de Vigo, analizará a segregación por sexo e a perpetuación da desigualdade. A continuación, a astrofísica e divulgadora Isabel Rebollido Vázquez falará sobre o benestar e a inestabilidade laboral na Sociedade Española de Astronomía.
Despois dunha pausa para o networking, María Loureiro, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, analizará a influencia dos nesgos de xénero na adopción de tecnoloxías sostibles. Finalmente, Iria Miguens Blanco, especialista en Medicina de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, abordará a importancia da perspectiva de xénero nos servizos sanitarios e na produción científica.
A xornada pecharase cun coloquio aberto moderado por Verónica Salgueiriño, líder do grupo de Nanomateriais Híbridos do CINBIO. O debate centrarase nos desafíos actuais e as oportunidades para avanzar cara a unha ciencia máis igualitaria, buscando identificar boas prácticas para reducir as fendas de xénero existentes.
A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa a través da páxina web do CINBIO. A xornada está aberta ao persoal do centro, á comunidade universitaria e ao público xeral interesado.




