No marco dun proxecto de innovación docente, 20 estudantes do Grao en Deseño da Universidade de Vigo traballaron nas últimas semanas no deseño de proxectos de identidade visual para a vixésima edición de Debut, o desfile no que presentan os seus proxectos os novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. As súas propostas foron avaliadas este venres por un tribunal integrado por docentes da Facultade de Deseño, responsables da identidade visual do desfile e responsables do estudio portugués Itemzero. O obxectivo era seleccionar unha das propostas para o seu uso na comunicación gráfica de Debut 2026.
A iniciativa, seleccionada na convocatoria de proxectos piloto de innovación docente da UVigo, busca "incrementar a motivación do alumnado", ofrecéndolles un "caso real de traballo" para desenvolver "competencias profesionais e transversais" e favorecer a "transferencia da aprendizaxe ao contexto profesional", segundo explica Cristina Varela, coordinadora do Grupo de Innovación en Deseño (Indi).
Os proxectos foron presentados ao decano Marcos Dopico, coordinador da materia; ao deseñador Alfredo Olmedo, responsable da identidade visual de Debut; e ás profesoras Cristina Varela e Patricia Dopico, responsables do deseño gráfico e comunicación en redes. Participaron tamén por videoconferencia os deseñadores e docentes do estudio Itemzero, Rubén Dias, Ricardo Dantas e Fábio Martins, quen se amosaron "sorprendidos" polo "moi bo nivel" dos proxectos.
A xornada serviu para realizar unha "sesión de revisión crítica e feedback profesional" sobre os conceptos, decisións visuais e estratexias de comunicación. O estudantado obtivo "tres perspectivas complementarias": a do profesorado, a do "cliente real" e a dun "estudo de referencia no sector" como Itemzero, especializado en deseño gráfico e editorial, con "proxección internacional" e traballos para empresas como Disney ou a UEFA.
Tras incorporar as indicacións da avaliación externa, o estudantado presentará os seus proxectos finais en novembro. Paralelamente, traballarase na aplicación dunha das propostas como identidade visual de Debut 2026, baixo a guía de Marcos Dopico e Cristina Varela.
O alumnado xa participara nunha sesión de traballo coa dirección de arte de Debut para coñecer o contexto e necesidades do evento. Desenvolveron propostas articuladas arredor da "natureza contemporánea de Debut como evento de presentación, experimentación e comunicación do deseño de moda", buscando un "sistema de identidade visual completo, recoñecible, flexible e capaz de funcionar de maneira coherente en diferentes medios".
A presentación final dos proxectos terá lugar en novembro, coa participación presencial dos responsables de Itemzero, quen tamén ofrecerán unha conferencia. O desfile Debut 2026 celebrarase o 20 de novembro no Pazo da Cultura.




