O Pavillón Universitario acolleu a novena e derradeira xornada do XIV Torneo Internacional Cidade de Pontevedra, onde o xadrecista indio Muthaiah Alagappan se proclamou campión na categoría máster. A competición reuniu a un total de 239 xadrecistas procedentes de 20 países.
Organizado pola Escola Xadrez Pontevedra (EXP) coa colaboración da Vicerretoría do campus, o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial, o torneo contou con nove roldas e dous grupos de competición. A pesar das baixas de última hora, superáronse as expectativas de participación, chegando a 239 xogadores e xogadoras.
Na categoría máster, Muthaiah Alagappan impúxose tras unha partida de case cinco horas a Sayantan Das, sumando sete puntos, os mesmos que Raja Rityvik e Luis Daniel Rodríguez. Os criterios de desempate deron a vitoria final a Alagappan. O galego Diego Cacheiro rematou en sétima posición, acadando unha norma internacional.
A xadrecista india de trece anos, Modipalli Deekshitha, foi a mellor clasificada feminina na categoría máster e acadou a norma de mestra internacional. Na categoría amateur, Ricardo Oubiña foi o gañador, mentres que Irene Diz obtivo o premio á mellor clasificada feminina.
A cerimonia de clausura contou coa presenza da vicerreitora do campus, Marián Fernández; a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; a directora do colegio Los Sauces, Maria Teresa Vázquez; e os presidente e xerente da EXP, Daniel Rivera e Pablo García. Repartíronse 13.000 euros en premios, incluíndo galardóns para veteranos, categorías de base e a mellor partida de ataque.
A edición tamén destacou pola participación dunha delegación da ONCE, incluíndo a selección española xuvenil de xadrez para persoas cegas e con discapacidade visual, e a medallista olímpica Sabrina Vega.




