Unha muller de avanzada idade foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro en estado crítico despois de rexistrarse un incendio nunha vivenda situada na rúa Venezuela, en Vigo.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso dez minutos antes das 15.00 horas, cando varios particulares alertaron de que estaba ardendo un piso nun edificio da zona. Dende o inmoble apreciábanse chamas e unha importante acumulación de fume nas zonas comúns.
Os alertantes tamén indicaron que crían que no interior da vivenda se atopaba unha persoa que non podía abandonar o piso polos seus propios medios.
Tras recibir os avisos, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo e de efectivos da Policía Nacional e a Policía Local.
Segundo confirmou Urxencias Sanitarias de Galicia, a vítima foi evacuada en estado crítico ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O incendio xa quedou extinguido.




