A Deputación de Pontevedra achega este sábado, 8 de agosto, o concerto do grupo Milladoiro a Fornelos de Montes. A actuación forma parte da nova edición do programa provincial +Música, que ten como obxectivo apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e fomentar a lingua e a cultura galegas.
O concerto terá lugar na Praza da Igrexa ás 23:30 horas, como parte das actividades programadas para as Festas de San Lourenzo e Santo Cristo de Fornelos de Montes.
Milladoiro, con máis de 40 anos de traxectoria, presentará en Fornelos de Montes un percorrido polos seus temas máis emblemáticos e as cancións do seu disco Atlántico.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas polo programa +Música, que se desenvolve entre maio e decembro en 58 concellos da provincia. O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, destinados a cubrir os custos de caché dos espectáculos e a promover Pontevedra como destino cultural.
A través de +Música, a Deputación busca a descentralización da cultura e a oferta de actos culturais de calidade en toda a provincia.




