O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora dos centros educativos na cidade de Vigo. Neste sentido, estanse a realizar obras en 20 colexios e institutos durante este verán cun investimento total que roza os 22,5 millóns de euros. Estas actuacións desenvólvense ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con seis grandes obras que suman máis de 22 millóns, e do Plan Ben_Estar, con 14 reformas que suman case 362.000 euros.
Unha das intervencións destacadas é a renovación da cuberta e outras melloras no Centro Integrado de FP Valentín Paz Andrade, onde a Xunta inviste preto de 1,9 millóns de euros. O conselleiro visitou hoxe as obras, cuxa finalización está prevista para setembro.
Entre as grandes actuacións en execución, Rodríguez tamén sinalou a construción do IES Domingo Villar de Navia (cun investimento de case 17,8 M€), a reforma do CIFP Manuel Antonio (1,5 M€), a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Carballal-Cabral (495.000 €), e os cambios de cubertas nos colexios Eduardo Pondal (147.000 €) e Coutada-Beade (185.000 €).
Ademais, o Plan Ben_Estar inclúe outras 14 actuacións de reparación e mellora cun investimento conxunto de 362.000 euros. Estas obras abarcan desde fontanería e carpintería exterior ata a adaptación de ascensores, mellora de espazos infantís, lucernarios e aseos. Os centros beneficiados neste paquete son os colexios de Chans-Bembrive, Fonte Escura, Mosteiro-Bembrive, Escultor Acuña, Plurilingüe de Sárdoma-Moledo, Plurlingüe Friáns-Teis, Plurilingüe Ramón y Cajal, Escola de Educación Infantil Monte do Alba, e os institutos Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares, Castelao, de Beade, Ricardo Mella e Valadares.
No que respecta ao CIFP Valentín Paz Andrade, a obra céntrase na renovación da envolvente, incluíndo cuberta, fachadas e fiestras. Cambiarase unha superficie de 10.585 m² de cubertas, repararanse 125 m² de fachadas danadas, instalaranse novos colectores de pluviais e substituiranse as carpinterías exteriores dos lucernarios do salón de actos por outras de aluminio anodizado con dobre acristalamento.




