A máxima dirixente do Celta, Marián Mouriño, que se achega aos tres anos no cargo, cualifica a actual tempada cun '10', destacando o éxito deportivo coa chegada a cuartos de final da Europa League e a aposta pola canteira. Subliña o traballo realizado por Claudio Giráldez e a confianza depositada nos xogadores formados na casa.
Mouriño tamén se referiu ao proxecto Celta 360 en Mos, que busca ampliar a cidade deportiva para fortalecer o club e o fútbol feminino. "Necesitabamos espazo para crecer", afirmou, incidindo na aposta a longo prazo pola canteira.
Un estadio mundialista de 40.000 sería moi bo para Vigo e tamén para o Celta
A presidenta reiterou o seu desexo de que Balaídos alcance as 40.000 localidades, considerando que "o crecemento en infraestruturas que necesita o club" é fundamental para poder competir con outros equipos. "Ou crecemos, ou o club non poderá facelo", sentenciou.
Ao valorar a súa propia xestión, Mouriño considera que ser muller non é un factor determinante, senón a "capacidade, querer e atreverse". Lembrou o "complicado" primeiro ano e a importancia de "ter sempre os pés no chan" para asegurar a permanencia na Primeira División.
Sobre o futuro de Iago Aspas, confirmou a súa renovación por unha tempada como xogador e dúas máis na estrutura do club, co obxectivo de que "poida despedirse pouco a pouco" e reciba o recoñecemento merecido. "Queremos que se vaia pola porta grande", afirmou.




