O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, compareceu hoxe no Parlamento para presentar a Estratexia Galega de Solo Residencial, unha iniciativa que busca transformar ámbitos urbanísticos previstos pero paralizados durante anos en solo preparado para construír vivenda accesible.
O obxectivo é dar resposta á necesidade de fogares a prezos asumibles, actuando sobre a falta de solo urbanizado. Sete dos 13 proxectos de interese autonómico (PIA) xa contan con aprobación inicial, e a previsión é licitar as obras de urbanización en 2027. Os proxectos restantes atópanse en distintas fases de tramitación.
García Porto salientou que a Xunta xa celebrou 78 reunións con propietarios e persoas afectadas, ofrecendo solucións individualizadas para compatibilizar o interese xeral cos dereitos dos afectados, distinguindo entre terreos sen edificar e vivendas existentes.
Incidiu na necesidade de colaboración entre concellos, propietarios, promotores e a propia Xunta, así como na maior axilidade e coordinación administrativa. Tamén advertiu das demoras na emisión de informes sectoriais estatais, como os relacionados con Estradas e confederacións hidrográficas, fundamentais para avanzar na tramitación.
O responsable de Vivenda cualificou de insuficientes os 10 millóns de euros previstos para Galicia no Plan estatal de vivenda 2026-2030 para desenvolver solo residencial, fronte aos arredor de 5.000 millóns estimados para urbanizar e construír as 25.000 vivendas.




