O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou resolucións de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co obxectivo de incrementar as vendas nos establecementos de proximidade e aumentar a súa competitividade.
No caso dos centros comerciais abertos, financiaranse cinco novas campañas extraordinarias en concellos como Boiro, Marín, Redondela, Viveiro e Verín, cun investimento superior aos 2,35 millóns de euros. Estas axudas distribuiranse en 24 concesións para a provincia de Pontevedra, 18 na da Coruña, 8 na de Lugo e 6 en Ourense.
Ademais, preto de 100.000 euros destinaranse ás cinco asociacións mellor puntuadas para campañas específicas. A Asociación Boirense de Empresarios e Profesionais Autónomos organizará unha partida inspirada no Monopoly, mentres que a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín desenvolverá unha proposta dirixida a familias e novas xeracións.
A Asociación de Empresarios de Redondela porá en valor a posición estratéxica da vila coa campaña 'Redondela no camiño', e a Asociación Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro promoverá 'Viveiro conta e o seu comercio tamén'. O Centro Comercial Urbano Aever de Verín impulsará a Gala do comercio local.
Para optar a estas axudas, as agrupacións debían presentar un mínimo de seis campañas, incluíndo participación directa de comercios e consumidores, ademais de accións formativas e de fidelización. Incorporouse como novidade a posibilidade de ofrecer servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.
En canto ao programa de dinamización dirixido a federacións e asociacións de ámbito supramunicipal, concedéronse catro achegas por un importe total próximo aos 117.000 euros. Resultaron beneficiarias a Federación de libreiros de Galicia, a Federación galega de asociacións e gremios de xoieiros, reloxeiros e prateiros, a Mariña Federación e o Consorcio do Comercio do Salnés.
Estas iniciativas enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que busca un sector competitivo e moderno cun orzamento global de 320 millóns de euros.




