A Xunta de Galicia destaca o emprendemento no eido da economía social a través da mostra ‘ES-Factory Pop Up’, celebrada en Vigo. A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu á primeira xornada deste evento que reunirá ata mañá 11 iniciativas empresariais. Esta iniciativa desenvólvese no marco do proxecto ES-Factory, un proxecto de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.
O proxecto, liderado polo Goberno galego e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, ten como obxectivo principal impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes no territorio transfronteirizo, promovendo a economía social.
A exposición, situada na contorna do Tinglado do Porto de Vigo, presenta iniciativas empresariais relacionadas con xogos de mesa, xoiería, cosmética natural, experiencias de turismo sostible, benestar e saúde mental. Estas propostas complétanse con talleres formativos para dar a coñecer os proxectos, ademais de actividades lúdicas e de ocio para todos os públicos.
O proxecto transfronteirizo ES-Factory tamén albergou a aceleradora de economía social Xunta Impulsa. Esta iniciativa de formación e asesoramento tivo sesións presenciais no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa e tamén telemáticas. As iniciativas participantes procederon de toda Galicia, con especial protagonismo do ámbito educativo, cultural, rural e da natureza, así como dos sectores agroalimentario, gastronomía, ocio, cosmética, deporte, benestar e TIC.




