A Universidade de Vigo (UVigo) continúa a súa senda de crecemento no que respecta ao alumnado estranxeiro de intercambio, sumando este curso 362 estudantes procedentes de 35 países de Europa, América, Asia e África. Esta cifra representa un aumento de 39 alumnos e alumnas respecto ao mesmo período do curso pasado, e aínda se espera a chegada de máis estudantes para o segundo cuadrimestre.
Do total de estudantes internacionais, 256 optaron por facultades e escolas do campus de Vigo, 56 polo de Pontevedra e 50 polo de Ourense. A maioría, 337, permanecerán na UVigo durante o primeiro cuadrimestre, mentres que 25 realizarán estadías de curso completo. A pasada semana celebráronse actos de benvida nos distintos campus para facilitar a súa integración e informarlles das actividades académicas, culturais e deportivas.
As cifras deste curso superan as dos anos anteriores: 323 estudantes no curso 2025/2026, 312 no 2024/2025 e 289 no 2023/2024. Como é habitual, as mulleres constitúen a maioría, con 206 fronte a 155 homes.
En canto aos países de procedencia, Italia mantense como principal orixe con 80 estudantes, seguida por Polonia (45), Francia e Alemaña (37 cada unha), e Turquía (28). Fóra da Unión Europea, destacan México (16), Reino Unido (11), Brasil e Xeorxia (9 cada un), ademais doutros países como Arxentina (8), Corea (8) e Ucraína (6).
No campus de Vigo, 256 mozas e mozos de 31 nacionalidades elixiron a cidade. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (70 estudantes) e a Facultade de Filoloxía e Tradución (73 estudantes) son os centros con maior número de alumnos internacionais. Outras facultades e escolas como Enxeñaría Industrial (40) ou Ciencias Xurídicas e do Traballo (23) tamén acollen a un número significativo de estudantes.
O campus de Pontevedra recibe este cuadrimestre 56 estudantes de intercambio de 19 países. A Facultade de Comunicación lidera con 18 alumnos, seguida pola de Ciencias da Educación e do Deporte (12) e Belas Artes (8). Estudantes de Lituania, México e Francia, entre outras nacionalidades, escolleron Pontevedra para completar a súa formación.
Pola súa banda, o campus de Ourense acolle 50 estudantes de 14 países. A Facultade de Educación e Traballo Social (12) e a de Ciencias Empresariais e Turismo (11) son os centros con máis alumnado internacional. Estudantes de Francia e Italia, entre outros, chegaron a Ourense para cursar estudos en graos como Ciencias Ambientais ou Dereito.




