O proxecto ‘Aprender xogando nun hospital’, unha iniciativa de Aprendizaxe por Servizo (ApS) da Universidade de Vigo, busca achegar a ciencia a pacientes pediátricos, facendo máis entretida a súa convalecencia. A actividade consiste en realizar experimentos lúdicos de Mecánica de Fluídos, como o funcionamento dos pulmóns cun modelo de globos ou o principio de Arquímedes co 'diaño de Descartes'.
Un total de 60 estudantes de Enxeñaría Biomédica da UVigo participan nestas sesións divulgativas, que se estenderán ata mediados de decembro. O profesor Eduardo Suárez Porto, impulsor do proxecto, destaca que o alumnado pon en práctica os seus coñecementos mentres adquiren competencias como o compromiso ético e a responsabilidade social.
Como novidade deste ano, a Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia (Asanog) colabora na intermediación co persoal clínico e os pacientes, así como na xestión da aula hospitalaria onde se realizan as actividades polas tardes.
Os experimentos inclúen tamén o estudo de fluxos laminares, mesturas con auga e maicena para crear fluídos non newtonianos, ou o equilibrio dunha pelota de ping-pong cun funil. A primeira sesión tivo lugar este luns, e as actividades continuarán cada luns pola tarde ata o 14 de decembro.




