O pasado 28 de outubro lanzouse na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense o programa Pias, unha iniciativa piloto de inclusión académica para persoas procedentes do sistema de protección de menores da Xunta, subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade. A xornada celebrou a súa primeira actividade, centrada en afondar nas boas prácticas para a inclusión académica destes mozos, dos que só un 3% chega a estudos posobrigatorios.
Organizada pola facultade co apoio da Unidade de Diversidade da UVigo, a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade, a apertura contou coas intervencións da vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, e da decana da Facultade, Isabel Mociño, quen destacaron a responsabilidade social do programa.
Cristina Blanco, subdirectora de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta, desexou que Pias sexa unha "semente" extensible a outras universidades. Inés Salteiro, directora da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, subliñou a necesidade de máis recursos e acompañamento, mentres que Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade da UVigo, lembrou a importancia de romper cifras de exclusión.
A xornada, titulada "Da evidencia á acción: boas prácticas na inclusión académica de alumnado con expediente administrativo de protección", contou coa asistencia de membros da comunidade universitaria e profesionais do terceiro sector. Reflexionouse sobre como favorecer o acceso, a permanencia e o acompañamento no ámbito universitario. Carlos Rosón, director de Igaxes, falou do éxito escolar en contextos de vulnerabilidade, e Deibe Fernández Simo, profesor da Facultade e responsable do programa Pias, presentou a iniciativa.
Pias ten como obxectivo facilitar un contexto favorable para a inclusión académica do alumnado egresado do sistema de protección á infancia a través de catro liñas de actuación. Inclúen información, orientación académica, acompañamento e seguimento individualizado; apoio no acceso a bolsas e axudas da Universidade de Vigo, con medidas específicas de acción positiva e apoio residencial; organización de actividades formativas e de sensibilización para o persoal da universidade e profesionais do sistema de protección; e obradoiros e actividades de extensión universitaria para a promoción da inclusión social e a sensibilización sobre a mocidade extutelada.




