O Concello de Gondomar propón á Xunta de Galicia un incremento das frecuencias e unha mellora xeral dos servizos de transporte público por estrada, co obxectivo de facer máis efectivo o transporte nas conexións con Vigo, o Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo. Estas achegas foron remitidas á Dirección de Mobilidade da Xunta para o deseño dos novos servizos de transporte público por estrada na área de concesión.
A proposta municipal inclúe medidas para reforzar a calidade, frecuencia e accesibilidade do transporte, especialmente nas conexións con Vigo, Nigrán e Baiona. Solicítase que as frecuencias sexan como mínimo cada trinta minutos nas horas de maior demanda. O alcalde, Paco Ferreira, subliñou a necesidade de adaptar o transporte á realidade actual, garantindo un servizo fiable e útil para as necesidades laborais, educativas, sanitarias e sociais.
Entre as principais suxestións atópase o reforzo das conexións entre as parroquias e cos concellos veciños, prestando atención ás zonas rurais e á poboación maior. Tamén se pide mellorar as infraestruturas e paradas, especialmente na parroquia de Chaín, e dignificar a estación de autobuses de Gondomar, mellorando a iluminación e o estado das instalacións. Proponse ademais avanzar na dixitalización coa consulta en tempo real da localización dos autobuses e os seus horarios.
Ademais, o Concello de Gondomar expón a necesidade de mellorar a información aos usuarios mediante unha páxina web actualizada e paneis informativos estratéxicos. Tamén se pon o foco en mellorar as conexións directas co Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo e as zonas industriais próximas. Finalmente, o documento sinala a importancia de reforzar servizos en datas sinaladas, manter as liñas existentes e estudar novas rutas, como as que poderían conectar con Peinador ou a estación intermodal.




