O técnico celeste, Claudio Giráldez, dirixiuse á afección en Balaídos tras o partido para agradecer a tempada realizada. "É complicado falar", recoñeceu, destacando que o equipo soubo xogar "coa presión" pero, sobre todo, "coa ilusión", cualificando o conseguido como "un agasallo".
Giráldez centrou os seus eloxios nos futbolistas, subliñando que "superaron o conseguido a pasada tempada e parecía imposible". Non eludiu a realidade das "despedidas", recoñecendo que "é imposible que se queden todos os xogadores", e mostrou o seu apoio "no que lles veña por diante".
Ao repasar a campaña, sinalou que houbo "moitos momentos felices e outros non tan felices", pero destacou a ausencia de "friccións" internas. Neste punto, dirixiuse á presidenta, Marián Mouriño, con un "Grazas".
Tamén tivo palabras de recoñecemento para "a nosa querida afección", afirmando que "é un orgullo pasear polos campos de Europa coa camiseta celeste" e que "o imos facer o ano que vén". Pediu "disfrutar e agradecer" o apoio recibido.
Para concluír a súa intervención, o adestrador resaltou a "unidade" como clave do éxito e desexou "sigamos xuntos a tempada que vén".




