A organización xuvenil Galiza Nova levou a cabo este martes pola tarde unha acción reivindicativa na Praza da Estación de Vigo para manifestar o seu desacordo coa celebración do Día das Forzas Armadas na cidade olívica. A protesta consistiu no despregamento dunha gran faixa co lema “Non á guerra imperialista. A mocidade galega pola paz e a soberanía!”, á que acompañaba unha imaxe do rei Felipe VI colocada boca abaixo.
Fontes da organización nacionalista explicaron que a utilización da imaxe invertida do monarca busca simbolizar o “rexeitamento total” da mocidade galega á monarquía española, á que consideran máxima autoridade das Forzas Armadas. Ademais, criticaron o papel dos exércitos no contexto das alianzas militares internacionais e puxeron en dúbida o investimento económico destinado ao despregamento militar previsto na cidade.
Galiza Nova argumenta que este investimento contrasta coa situación económica e social que, ao seu xuízo, afecta especialmente á mocidade e ás clases populares, defendendo que os recursos públicos deberían destinarse a outras políticas sociais.
A acción tivo lugar poucos días antes do acto central do Día das Forzas Armadas, que converterá Vigo no epicentro da celebración estatal, culminando cun desfile en Samil presidido polo rei Felipe VI. A cidade acolle estes días diversas actividades militares, incluíndo exposicións, exhibicións e presenza naval.
A organización tamén aproveitou a protesta para facer un chamamento á participación na mobilización convocada para este sábado pola plataforma Galiza pola Paz. A marcha partirá ás 12:00 horas desde Vía Norte baixo o lema “Paz e soberanía. Nin guerra, nin OTAN nin gastos militares. Non ao desfile militar”, buscando expresar o rexeitamento ao incremento do gasto militar e ás políticas de rearme.
Representantes da plataforma teñen defendido nos últimos días que os recursos económicos destinados á defensa deberían orientarse a ámbitos como a sanidade, o ensino público, as pensións ou a atención á dependencia.




