O profesor da Área de Ciencia Política e da Administración, Fernando Martínez, encabeza a única candidatura presentada ao Decanato da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo. A súa proposta foi proclamada provisionalmente este mércores e a votación terá lugar o vindeiro 16 de setembro.
Martínez, coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública, sinala que se presenta "porque creo que podo achegar algo coa experiencia destes máis de dous anos na coordinación do grao". Destaca o equipo que o acompaña, que combina "xente nova coa continuidade" de membros do actual equipo, Óscar Briones e Sara Torres, "porque penso que as cousas se fixeron moi ben e hai que tratar de fortalecelas e melloralas onde se poida".
A candidatura complétana Bruno González, como secretario académico; Óscar Briones, como vicedecano de Calidade, Innovación, Empregabilidade e Sustentabilidade; e Sara Torres, como vicedecana de Captación, Igualdade e Mobilidade. Tras un período de reclamacións, a proclamación definitiva será o mércores 22, e a elección requirirá máis votos favorables que en contra na Xunta de Facultade.
Entre os obxectivos principais, Martínez pon o foco na captación de alumnado, tendo en conta o reto demográfico, e na potenciación da virtualización e a innovación, lembrando que a facultade foi a primeira do Sistema Universitario de Galicia en implantar un grao virtual. Tamén se buscará potenciar a empregabilidade dos titulados e as fórmulas de colaboración coas administracións locais, ademais de manter as "altas taxas de satisfacción" do alumnado e reducir o abandono.
A candidatura tamén aposta pola sustentabilidade e a igualdade. En materia de mobilidade, buscarase potenciar "fórmulas que están funcionando moi ben, como os BIP, cursos intensivos". Outro obxectivo é conseguir maior apoio de persoal técnico e de xestión, e tratar de incorporar a facultade ao proxecto de especialización Campus Crea.
De ser elixido, Fernando Martínez substituiría a Enrique Varela, quen exerce como decano en funcións desde decembro. Varela foi o primeiro decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, creada recentemente, e destacou a consolidación da matrícula do grao, que cobre todas as prazas, e o éxito do mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional.




