A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, felicitaron aos responsables da Asociación Sociocultural e Deportiva Over polo resultado da xornada. Ortiz sinalou que o evento demostra "o enorme talento" dos creadores locais e que "Vigo demostrou outra vez que temos un novo espazo cultural na nosa cidade para dar a oportunidade de que músicos, grupos e creadores locais teñan o lugar que merecen para amosar a súa calidade".
Pola súa banda, Luisa Sánchez apuntou que "a xornada cultural do Museo do Mar volveu demostrar que a cidade demanda cultura. Só precisa do apoio necesario". Engadiu que "tivemos unha programación variada, actividades para públicos diferentes e, sobre todo, moita xente achegándose e gozando dun espazo singular a carón do mar".
O evento, que tivo lugar o pasado 5 de setembro, contou con tres escenarios de música en directo e catro zonas con actividades deportivas e espazos culturais. Entre as propostas houbo mercado de artesanía, actividades de deporte acuático e un espazo de conciencia azul. A Xornada Cultural Mar de Galicia foi organizada pola Asociación Sociocultural e Deportiva Over co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.




