A Xunta de Galicia aposta por Eva López Tarrío, unha figura recoñecida no ámbito da xestión cultural, educativa e institucional, para liderar o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). A viguesa, doutora en Belas Artes e catedrática de Ensino Secundario, asumirá a dirección do centro tras un proceso de libre designación no que se presentaron nove candidaturas.
Nacida en Vigo en 1972, López Tarrío achega unha ampla experiencia en liderado de equipos, planificación estratéxica e innovación educativa, ademais dunha intensa actividade ligada ao mundo artístico e curatorial. Ao longo da súa carreira, desenvolveu traballos de comisariado, produción e difusión de arte contemporánea, e a súa propia obra artística foi exposta en mostras individuais e colectivas.
A elección, segundo destaca a Xunta, baseouse en criterios de "transparencia, mérito e capacidade", valorando tanto a súa traxectoria profesional como o proxecto presentado para a xestión do museo. Un dos obxectivos principais da nova directora será potenciar a dimensión internacional do CGAC, consolidándoo como un referente artístico no eixo atlántico europeo.
A futura dirección do centro tamén estará estreitamente ligada á preparación cultural do Xacobeo 2027, un evento clave para a proxección cultural de Galicia.




