A iniciativa, promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, celebrouse na noite deste xoves no Pavillón Universitario. A actividade contou coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que facilitaron bebidas e froita para os asistentes.
O técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Gustavo Loureiro, explicou que o requisito mínimo para participar era achegar un quilo de alimentos non perecedoiros. Non obstante, a maioría dos asistentes superaron esta cantidade, o que permitiu alcanzar a cifra total de máis de 300 quilos. O obxectivo da actividade foi tanto promover a práctica de actividade física como contribuír ao labor social do comedor.
Un equipo de monitoras, coordinado por Bruno Hermida, guiou aos participantes durante dúas horas nunha sesión de Zumba que combina exercicios aeróbicos con pasos de baile. A actividade estivo aberta a toda a cidadanía.




