Dous días de debate internacional sobre o futuro do turismo transfronteirizo comezaron este xoves na Universidade de Vigo coa apertura do ITC’26, o 18º Congreso Internacional de Turismo. O encontro reúne na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a máis dun cento de especialistas de distintas nacionalidades para analizar os grandes retos e transformacións que afronta o sector.
A sesión inaugural contou coa participación de Dolores Garza, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Ana Mejías, tenente de alcalde e concelleira delegada de Patrimonio, Emprego, Tecnoloxía e Relacións con Empresas, Turismo e Xuventude do Concello de Vigo; Paulo Almeida, presidente de CiTUR, xunto coas coorganizadoras do encontro, a profesora da Universidade de Vigo Elena Rivo, e Goretti Silva, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Todos os participantes fixeron fincapé na importancia dun encontro dedicado á análise dos desafíos e oportunidades do turismo, con especial atención á cooperación entre territorios e rexións fronteirizas. Paulo Almeida e Elena Rivo subliñaron algunhas das principais cifras do congreso: 137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores e autoras vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades.
A profesora Elena Rivo explicou que o encontro está organizado ao abeiro do proxecto transfronteirizo Visit Rio Minho Plus, fundamentado na consolidación da Marca Río Miño e na creación de novos produtos turísticos transfronteirizos. O congreso estrutúrase en sete grandes bloques temáticos: economía e xestión; hostalaría e restauración; tecnoloxía e innovación; territorio; produtos turísticos e animación; cultura, sociedade e linguaxe, e un apartado específico sobre turismo transfronteirizo.
Ana Mejías, tenente de alcalde e concelleira delegada da Área de Turismo, destacou o boom turístico de Vigo nos últimos anos, impulsado polas luces do Nadal, que permitiu desestacionalizar o turismo e crear sinerxías co potencial industrial da cidade.
Mejías tamén sinalou retos como as vivendas turísticas, a masificación e o reto climático, insistindo na necesidade de abordar estas cuestións a través da investigación científica. A decana Dolores Garza tamén animou os asistentes a aproveitar ao máximo o encontro.
O programa aborda cuestións como a relación entre o incremento dos fluxos turísticos e a evolución dos prezos da vivenda, a sustentabilidade nas empresas turísticas e o papel da intelixencia artificial na transformación da oferta.
O congreso tamén presentará investigacións sobre fenómenos en expansión como o astroturismo, o turismo de saúde, o relixioso, o espiritual ou o gastronómico, así como novas formas de vivir a experiencia turística.
Entre os traballos presentados atópase unha investigación sobre a multiculturalidade nos cadros de persoal da industria hostaleira de Portugal e un estudo sobre a relación entre luxo e sustentabilidade no consumo.
O ITC’26, organizado polo Centro de Investigación en Turismo de Portugal (CiTUR), a Universidade de Vigo e o centro de investigación Ecobas, céntrase no turismo transfronteirizo, co territorio do Miño e as relacións entre Galicia e o norte de Portugal como eixe principal.




