A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense celebrou este martes unha conferencia do xefe do Centro de Operacións de Vixilancia Espacial (COVE) de España, o tenente coronel Roberto García Robles. A misión principal do COVE é a vixilancia e coñecemento da situación espacial e a provisión de servizos en apoio ás operacións das Forzas Armadas. Tamén pode realizar labores de vixilancia espacial de fenómenos naturais (meteoritos, asteroides, entre outros) ou accidentais (como lixo espacial).
A conferencia tivo lugar no salón de graos do edificio Xurídico-Empresarial do campus. Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, destacou a pertinencia de que o alumnado do Grao de Enxeñaría Aeroespacial coñeza o COVE e as súas “capacidades estratéxicas máis relevantes para a seguridade e o coñecemento da contorna espacial”, sinalando que o seu traballo tamén “contribúen á investigación científica e tecnolóxica”.
O tenente coronel Roberto García Robles explicou que a OTAN declarou o espazo como un "dominio operacional" en 2019, o que implica operacións militares. Detallou que a UE aprobou a súa Estratexia Espacial da Unión Europea para a Seguridade e a Defensa e que o COVE ten catalogados máis de 32.000 obxectos orbitando a Terra, cualificando a cifra de "barbaridade" e sinalando que o espazo é "un campo de batalla".
O COVE, creado en 2023 e con sede na Base Aérea de Torrejón de Ardoz (Madrid), ten entre as súas misións vixiar e catalogar obxectos orbitais, proporcionar predicións sobre o clima espacial, apoiar o lanzamento de vehículos espaciais e establecer procedementos de coordinación para vehículos suborbitais e manobras de reentrada.




