O Concello de Verín abriu o prazo de inscrición para participar como expositor na Feira de Nadal 2026. O evento terá lugar os días 5, 6, 7 e 8 de decembro na Praza Maior, cun horario de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:00 horas.
A convocatoria está dirixida a profesionais e talleres de artesanía, mestres artesáns e establecementos do sector da alimentación. As propostas deberán estar vinculadas á temática do Nadal, tanto nos produtos como na presentación e decoración dos postos, que correrá a cargo dos expositores.
O prazo para presentar solicitudes remata o 12 de novembro, aínda que poderá ampliarse. A inscrición tramitarase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Verín, ou presencialmente no Rexistro da Casa Consistorial para quen non estea obrigado a relacións electrónicas.
O prezo de participación será de 60 euros por expositor para os catro días. As persoas seleccionadas deberán efectuar o pagamento e remitir o xustificante á organización nun prazo de tres días hábiles tras a notificación provisional.
A feira ofrecerá dous tipos de espazos expositivos: casiñas de madeira (2,60 × 2,40 metros) e casetas (3 × 3 metros), ambas con instalación eléctrica, iluminación e rótulo. Os solicitantes deberán indicar a súa preferencia, que se atenderá segundo dispoñibilidade e tras o pagamento. Cada participante deberá achegar o mobiliario necesario e manter o posto aberto nos horarios establecidos.
A selección priorizará a orde de entrada das solicitudes completas, a variedade de produtos e a súa adecuación á temática do Nadal. Valorarase tamén a posesión da Carta de Artesán ou acreditación equivalente. Poderase crear unha lista de reserva.
O Concello de Verín busca con esta iniciativa promover a venda de artesanía e alimentación local, favorecer as compras de proximidade e achegar á veciñanza e visitantes unha proposta para gozar do ambiente de Nadal.
Para máis información, os interesados poden contactar coa Concellaría de Feiras ou coa Oficina de Desenvolvemento Local no teléfono 988 410 000.




