O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, xunto coa directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, formalizou hoxe un acordo de colaboración coa alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo. O obxectivo é a posta en marcha das ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría, pertencente á familia profesional de Fabricación Mecánica, que se sumará á oferta formativa do Instituto de Mos.
Este acordo, cunha vixencia inicial de catro anos prorrogable, permitirá impartir estas ensinanzas xa no curso 2026/27 nas instalacións do Centro de Formación Ocupacional do Concello, que dispón dun taller de soldadura totalmente equipado. Segundo o titular de Educación, esta ampliación "permitirá reforzar áreas con alta demanda de emprego, contribuíndo a que o alumando conte cunha formación cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades reais das empresas".
A Consellería de Educación será a encargada de autorizar a posta en funcionamento e organización do ciclo, achegando o profesorado necesario e os gastos de material funxible e consumibles. Pola súa banda, o Concello de Mos cederá as instalacións e o equipamento, ademais de asumir o mantemento e os gastos xerais de funcionamento do centro.
Esta iniciativa reforza a oferta de Formación Profesional na área de Vigo e responde á estratexia da Xunta de adaptar as ensinanzas ao tecido produtivo e á alta demanda de profesionais na Fabricación Mecánica.
Para o curso 2026/27, Galicia ofrecerá 50.244 prazas de Formación Profesional, un 2,2% máis que o curso anterior. Na provincia de Pontevedra haberá 16.973 prazas (+1,01%), e na área de Vigo, 11.221 prazas (+1,64%). En Mos, o novo ciclo de Soldadura e Caldeiraría xa conta con 22 persoas matriculadas, sumándose á oferta existente de Servizos Comerciais e cinco ciclos concertados.




