A Consellería de Educación vén de lanzar a primeira convocatoria de Medrando entre Culturas, un novo programa piloto deseñado para promover a inclusión do alumnado de orixe estranxeira no sistema educativo galego. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou a iniciativa durante unha visita ao Colexio Plurilingüe O Pombal, en Vigo. Esta acción, que se enmarca no Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, é de carácter voluntario para os centros, que teñen de prazo ata o 23 deste mes para presentar proxectos específicos de integración.
O obxectivo principal é crear un contorno escolar onde a diversidade sexa percibida como un activo, fomentando a participación activa de todo o alumnado e das súas familias. Preténdese promover o coñecemento de diferentes culturas, costumes e linguas, ao tempo que se desenvolven habilidades sociais, emocionais e culturais para mellorar a convivencia.
A iniciativa está dirixida a todos os centros públicos de infantil, primaria e secundaria, que recibirán asesoramento da Consellería. Seleccionaranse 40 centros en función da puntuación dos seus proxectos, que poderán ser divulgados como boas prácticas. Este programa responde ao crecemento do alumnado estranxeiro nas aulas, que pasou do 2,6% ao 7% nunha década, representando un reto para a súa integración.
Ademais, a Xunta de Galicia porá en marcha un programa piloto de aulas de acollida para alumnado de incorporación tardía na Educación Secundaria. Este recurso temporal de apoio centrarase na adquisición de competencias lingüísticas, o reforzo de aprendizaxes fundamentais e o coñecemento do novo contexto escolar, co fin de facilitar a súa incorporación á dinámica ordinaria do centro o antes posible.
Estas accións súmanse ao Programa galego de acollida e apoio educativo ao alumnado estranxeiro, posto en marcha desde 2024 como parte do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, co obxectivo de asegurar a mellor atención e inclusión destes estudantes.




