A actuación, que será executada pola empresa Cies Obra Civil, ten un prazo de execución de nove meses unha vez que comecen os traballos. Esta intervención enmárcase nas primeiras dezaseis obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total que supera os 16 millóns de euros.
“"Esta intervención enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 millóns de euros."
No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 millóns de euros, o que representa un incremento do catro por cento respecto a anos anteriores. Vigo destaca como a cidade galega que recibe o maior investimento en obras en centros educativos, con máis de 31 millóns de euros no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Entre as actuacións máis recentes na cidade atópanse a substitución de cubertas e a rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (cun investimento de 1,9 millóns) e Manuel Antonio (con 1,5 millóns). Ademais, este mesmo mes iniciarase a construción do novo Instituto Domingo Villar en Navia, cun orzamento de 17,7 millóns de euros, sendo o primeiro instituto que se constrúe en Vigo neste século.
O obxectivo principal da intervención no Carballal-Cabral é mellorar o confort térmico dos catro edificios que compoñen o centro, aumentando a súa eficiencia enerxética. Estímase un aforro de enerxía e unha redución de emisións superior ao 30% en todos os volumes unha vez finalizadas as obras. Para iso, levarase a cabo o illamento térmico mediante inxección en cámara nos catro edificios, así como a instalación de novas luminarias LED no ximnasio.




