O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou os participantes do obradoiro dual de emprego “O Porriño Eco-Necta”. Este proxecto, que se desenvolve desde xullo, beneficia a 20 persoas en situación de desemprego, combinando formación teórica e práctica remunerada durante nove meses.
O programa conta cun investimento autonómico de 455.000 euros e desenvólvese en dúas liñas de actuación: a ambiental e a dixital. Na especialidade ambiental, o alumnado realiza tarefas de limpeza de camiños, mantemento de drenaxes e prevención de incendios en parroquias como Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas e Torneiros. No módulo tecnolóxico, dez participantes traballan no desenvolvemento dunha nova aplicación web municipal para axilizar a comunicación coa veciñanza.
O conselleiro destacou o compromiso da Xunta de Galicia co emprego local e a importancia destes obradoiros duais. O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu a visita e subliñou o impacto positivo destas iniciativas para actualizar servizos municipais, coidar o contorno natural e ofrecer oportunidades laborais. "Este obradoiro engloba todo, ou case todo o que queremos para O Porriño: formación, emprego, mocidade, coidado das nosas parroquias, avance tecnolóxico do noso concello, atención á cidadanía", explicou.
A convocatoria 2026-2027 dos obradoiros duais de emprego inclúe novidades como a reserva de orzamento para certificados profesionais agrarios e de seguridade e medio ambiente relacionados coa prevención e extinción de incendios forestais. Tamén se valoran proxectos de restauración de territorios afectados por lumes e se reforza a formación práctica, os incentivos a empresas e aos municipios promotores.
O obradoiro do Porriño enmárcase nun centenar de iniciativas similares impulsadas pola Xunta entre 2026 e 2027, coa previsión de beneficiar a unhas 2.000 persoas.




