O Concello de Redondela fixo balance “moi positivo” da celebración do Entroido de Verán, unha das citas estivais máis concorridas da bisbarra. A xornada saldouse cunha afluencia masiva de máis de 40.000 persoas que encheron as rúas de cor, música e disfraces nun ambiente festivo. Os diferentes espazos habilitados na vila ateigáronse de participantes nas actividades infantís, familiares, concertos e a Gala Drag.
O goberno local destacou o gran traballo organizativo e o amplo dispositivo de seguridade e limpeza que permitiron que a celebración transcorrese sen incidentes de gravidade. Os concertos, as actividades infantís e as sesións de DJs mantiveron o ritmo durante toda a xornada, cumprindo as expectativas hostaleiras e comerciais.
A Gala Drag de Redondela volveu ser o momento máis espectacular da noite. Nove participantes encheron o escenario principal co seu talento, coreografías e deseño, consolidando o certame como un referente en Galicia. A gala, presentada polo actor e showman Carlos Veleiro e coa artista convidada Carolina Smith, repartiu 2.000 euros en premios.
O xurado premiou a orixinalidade e creatividade. O primeiro premio, dotado con 1.000 euros, foi para Drag Kim Miller coa fantasía Aplaudide á Raíña. O segundo recaeu en Drag Ketty Ponn (500 euros), o terceiro en Drag Ketty Pinn (300 euros), e o cuarto recoñeceu ao grupo Drag Trío “As Marinitas” (200 euros).
Dende o Concello subliñouse que o nivel artístico da Gala Drag “supera as expectativas ano tras ano, consolidando a Redondela como un espazo de liberdade, diversidade e apostas culturais de vangarda que atraen a miles de persoas”.
O Concello agradeceu publicamente o traballo do persoal municipal, Policía Local, Nacional, Garda Civil e Protección Civil, así como ao persoal sanitario. Lembraron tamén que nas oficinas da Policía Local depositáronse numerosos obxectos perdidos, entre eles carteiras, documentación e teléfonos.




