O festival, organizado pola Asociación Caracol, combina teatro, danza, música e divulgación cultural en espazos emblemáticos da vila. A iniciativa pon o foco na participación de artistas galegas e ten como eixos temáticos a lingua, a memoria e a diversidade.
Na presentación da edición deste ano, o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, destacou a continuidade do proxecto na súa aposta pola creación interdisciplinar, a relación coa veciñanza e a posta en valor do patrimonio local. A coordinación artística recae este ano en Laura Merchán, Nenaza, e Javier Sánchez, Meiga-i, que toman a substitución de Matías Daporta e Begoña Cuquejo.
A programación de tres días arranca hoxe, xoves 8 de outubro, coa inauguración da exposición Mnemotopía, de Elena Franesqui e Elara Elvira (LiMiA Crafts), na Casa da Calzada. O venres 9 de outubro, Marcelo Dobode conducirá Benvida Cuncanto, un pasarrúas e pasabares con saída da Praza de San Gregorio ás 20:00 h. Pola noite, ás 22:30 h., Raze ofrecerá un concerto na sala Krazzy Kray.
O sábado 10 de outubro, a xornada comezará ás 12:30 h. cun roteiro cultural titulado Mar e iconas, tamén de Elena Franesqui e Elara Elvira, que require inscrición previa na Casa da Calzada. Ás 19:00 h., Eva Comesaña e Alejandra Balboa presentarán Á Beira na praia de San Tomé, unha peza de danza inspirada no marisqueo a pé e unha homenaxe ás mariscadoras.
A carón, ás 20:30 h., o Auditorio da Xuventude acollerá Disforia: unha mancha de pel allea, de Petra Porter. O festival pecharase ás 23:00 h. no Salón Peña con Q de Quiz, de Meiga-i e compañía, un xogo escénico centrado na memoria da disidencia sexual galega. A cómica Cata Ukelele tamén participará achegando a súa experiencia nas redes como A Cara de Desfoga.




